O que din os números detrás das tres bebidas finais: composición, fermentación, formulación vitamínica e vida útil.
GLOW
Cola de cabalo · hortelá verde · laranxa
Lactobacillus rhamnosus + Saccharomyces boulardii
Acidifica con rapidez desde o primeiro día de fermentación. É, xunto con RELAX, a que mellor sostén a poboación bacteriana viva despois de seis meses en refrixeración, sempre por riba de 1 millón UFC/mL.
RELAX
Hibisco · lavanda · malva · fiúncho
Lactobacillus helveticus + Saccharomyces boulardii
A máis ácida das tres (pH 2,57–2,65 polo hibisco). É a que mellor retén a vitamina C aos seis meses e a que amosa de forma sostida a maior capacidade antioxidante (DPPH) do trío.
DEFENSE
Eucalipto · tomiño · menta · malva
Gluconobacter oxydans + Saccharomyces boulardii
Fermenta por vía do ácido glucónico en vez do láctico (ata 3,4 g/L coa mestura prebiótica). A súa poboación bacteriana cae por baixo do limiar de referencia a partir do cuarto mes, pero acada o maior valor medio de capacidade redutora no seguimento a 139 días.
Fermentación
As tres bebidas parten dunha mesma base (0,3 % de mestura aromática, 0,05 % de lúpulo, 0,2 % de sacarosa e 0,5 % de glicosa, infusionados en auga a 80–90 °C) e fermentan a 30 °C durante ata sete días, con e sen xilooligosacáridos (XOS) como prebiótico engadido.
O etanol resultante queda moi por baixo do límite español do 0,5 % vol. para bebidas sen alcol: un máximo de 0,0090 % en GLOW, 0,0174 % en RELAX e 0,0052 % en DEFENSE.
Formulación vitamínica
A vitamina C e oito vitaminas do grupo B incorpóranse en minicomprimidos solubles, non en po nin en líquido, para non alterar o sabor da bebida. A fórmula final simplificouse ata deixar só dous excipientes (celulosa microcristalina e estearato de magnesio) e disólvese por completo en menos de cinco minutos, sen residuo nin cambio de sabor detectado polo panel de cata.
Dúas pastillas en 250 mL cobren o 50 % dos valores de referencia de nutrientes (VRN) esixidos pola normativa europea.
Vida útil
A Universidade da Coruña fixo un seguimento de seis meses en refrixeración (4 °C), con mostraxes aos 15 e 30 días e aos 2, 4 e 6 meses. O pH e o etanol mantéñense estables en todo o período.
A conclusión práctica é unha referencia de dous meses en refrixeración para manter as tres bebidas por riba do limiar de viabilidade bacteriana, non unha data de caducidade comercial validada: faría falta estudar aínda o envasado e a distribución.
Difusión
O traballo de divulgación do proxecto péchase cun banco de 88 fotografías, 9 pezas audiovisuais (un vídeo resumo e oito vídeos específicos por entidade), 6 guías técnicas e 8 infografías dixitais, ademais desta mesma web.
88Fotografías
9Vídeos
6Guías
8Infografías